Denomínanse Séculos Escuros os anos que van desde finais do século XV ata finais do XVIII, durante os que a literatura galega entra no período de maior declive da súa historia e a lingua deixa de usarse nos rexistros formais e nos ámbitos oficiais.
Durante este período non podemos falar con propiedade de “Literatura galega”, senón máis ben de manifestacións literarias en galego, xa que son puntuais e en xeral non destacan por presentar grandes valores literarios, por non falar da súa escasa ou nula transcendencia dentro do ámbito cultural da época.
CAUSAS DA DECADENCIA
A decadencia da lingua e da literatura galega hai que situala no contexto dunha crise que afecta a Galiza e que acabará por sumila na pobreza e na dependencia de institucións alleas, contrarias aos intereses dos galegos. As principais causas que explican a decadencia da lingua e da literatura galegas durante os Séculos Escuros son de índole literaria e outras de carácter político.
Decadencia da escola trobadoresca.
A mediados do s. XIV, a lírica trobadoresca entra en decadencia. Os poetas que continúan compoñendo á maneira dos trobadores tenden a repetir vellas formulas e tópicos literarios que lles restan forza ás súas creacións. A prolongación da lírica trobadoresca durante o s. XV e parte do XVI denomínase escola galego- castelá. A a vella literatura de orixe galego-portuguesa pronto é substituída pola poesía de corte renacentista que chega desde Italia.
A progresiva perda de independencia de Galiza dentro do reino de Castela.
Coa independencia de Portugal no S.XII Galicia queda nunha situación periférica sendo anexionada ao reino de Castela coa conseguinte perda de independencia e de poder político, sobre todo coa chegada da Monarquía centralista dos Reis Católicos. Pero esta perda de poder específico dos nobres galegos dentro do Reino de Castela xa se remonta ao conflito sucesorio que tras a morte de Alfonso XI enfrontou o seu fillo Pedro I (alcumado “el Cruel” na historiografía española) e Enrique de Trastámara, fillo bastardo do monarca que lle disputou o trono co apoio de boa parte da nobreza castelá. Os nobres galegos que defenderon a causa do lexítimo herdeiro sufrirán as represalias de Enrique II unha vez sexa proclamado rei. Así algunhas das principais familias galegas cson desposuídos das súas terras que serán entregadas a nobres vidos de fóra. A nova nobreza demostra un absoluto desprezo e incomprensión pola realidade galega e a súa cultura e interesados unicamente en acadar riquezas impoñerán aos labregos das súas terras importantes cargas, difíciles de satisfacer para unha economía campesiña. Esta actitude, xunto con outros factores entre os que destacan os intereses dunha burguesía que ansiaba maiores cotas de poder, é unha das causas das Revoltas Irmandiñas que se producen no século XV.
Substitución da nobreza galega durante a monarquía dos Reis Católicos.
Baixo o reinado dos Reis Católicos a nobreza galega é expulsada de Galiza e os seus postos na administración, na igrexa ou na política son ocupados por unha nobreza foránea, que tiñan o castelán como lingua.
O feito histórico que está na orixe da represalia dos Reis Católicos contra a nobreza galega é unha vez máis un conflito sucesorio. Tras a morte de Enrique IV (“O Impotente”) enfróntanse polo trono a súa filla -e lexítima herdeira- Xoana (alcumada “a Beltranexa”) e a irmá menor do monarca, Isabel (coñedida como Isabel a Católica). Os nobres galegos apoiarán o bando de Xoana, que resulta perdedor da contenda. A execución pública en Mondoñedo do Mariscal Pedro Pardo de Cela en 1483 pon fin á resistencia da nobreza galega e comeza o proceso de “doma e castración de Galicia” (tal como o definiu Xerónimo de Zurita, cronista de Fernando o Católico), é dicir, o proceso de sometemento e aculturación que caracteriza a política dos monarcas casteláns a partir dese momento. Os Reis Católicos, interesados en afirmar o seu poder en todo o territorio, inician o proceso de substitución dunha nobreza galega conflitiva por outra foránea que lle é fiel. Deste modo, os máis dos nobres galegos rebeldes serán afastados das súas terras para ocupar cargos na administración ou en ultramar. Tamén os altos cargos eclesiásticos serán ocupados por xente foránea
CONSECUENCIAS
As consecuencias derivadas destes acontecementos históricos para a lingua e a literatura galega son:
- A lingua galega queda reducida ao uso oral, arredada dos ámbitos de prestixio, o que imposibilitou o seu desenvolvemento literario.
- Mentres as demais linguas se conforman como linguas nacionais, o galego perde esa oportunidade.
- O castelán convértese na lingua da administración, das relacións co poder e da cultura.**** MANIFESTACIÓNS LITERARIAS DOS SÉCULOS ESCUROS****Durante os denominados Séculos Escuros o galego desaparece do uso escrito e dos ámbitos formais, quedando relegado practicamente á oralidade, polo que apenas hai manifestacións literarias cultas en galego. Non obstante, o galego continúa a ser a lingua da inmensa maioría do pobo, e durante este período vaise continuar desenvolvendo unha importante literatura de carácter popular.Deste modo, o primeiro criterio que se impón á hora de afrontar o estudo da literatura dos s. XVI e XVII é a distinción entre literatura popular ou tradicional e a literatura culta.LITERATURA POPULAR E TRADICIONALLiteratura popular: inclúe todas aquelas creacións anónimas elaboradas polo pobo, tanto cantigas como narracións: pezas de poesía inspiradas en feitos históricos como a execución de Pardo de Cela e o saqueo de Cangas polos turcos, ou o heroísmo demostrado por María Pita fronte aos ingleses que a atacaron a Coruña en 1598.- Literatura anónima tradicional: manifestacións do lirismo popular en verso como refráns ou cantigas de berce, cantigas de cego, de traballo, etc; doutra parte, as manifestacións narrativas en prosa entre as que se inclúen lendas, contos, fábulas etc.Só a partir do século XVIII será recollido e documentado este acervo popular que fora transmitido de forma oral ao longo dos séculos.- Poesía de circunstancias de carácter popular:
- “Pranto da Frouseira”: poema anónimo de fins do s. XV que xira en torno á figura de Pedro Pardo de Cela, executado o 17 de decembro de 1483 en Mondoñedo por mandado dos Reis Católicos.
- ”Saqueo de Cangas polos Turcos”: composición anónima pertencente ao s. XVII que se inspira no ataque dos piratas turcos á vila de Cangas o 9 de decembro de 1617.
- Panxoliñas de Nadal: tiveron grande desenvolvemento durante este período debido á galeguización do tema do Nadal.
Literatura culta:
- Poesía renacentista: dúas composicións datadas no s. XVI con trazos que caracterizan a poesía de corte renacentista, como as alusións mitolóxicas ou o emprego do soneto .
- O “Soneto de Monterrei”. Composición anónima escrita arredor de 1530, de tema pastoril.
-“Araucana naçaon”. Soneto de Isabel de Castro e Andrade, arredor de 1578.
- Poesía barroca
- Sonetos incluídos nas “Exequias á Raíña Margarida”, publicado en 1612, composto con motivo da morte da Raíña Margarida de Austria inclúense dous sonetos escritos en galego xunto a outros textos en castelán e latín escritos en honra da raíña de España morta. Presentan trazos temáticos e estilísticos característicos desta estética, como son a visión pesimista da vida expresada no tópico do “tempus fugit”.
- “Soneto con Falda” de Xoán Gómez Tonel. Faise un lamento pola perda que supón a desaparición da raíña de España.
- “Respice finem” de Pedro Vázquez de Neira. Nel o poeta recorre ao tema da fugacidade da vida e do poder igualatorio da morte, que non fai excepcións con ninguén.
- Décimas ó Apóstolo Santiago de Martín Torrado. Compostas arredor de 1617 nos que o abade Martín Torrado constrúe unha sátira sobre a posibilidade de que Santa Teresa comparta con Santiago o padroado de España, tal como propoñía Felipe IV.
- Composicións das Festas Minervais: Son nove romances escritos con motivo do certame literario das “Festas Minervais” que convocaba a Universidade de Santiago para loar a figura do seu fundador.
- Teatro: Entremés famoso sobre a pesca no río Miño de Gabriel Feixoo de Arauxo, no s. XVI. O asunto da obra é a disputa entre galegos e portugueses pola pesca no río miño. Ten un ton xocoso e festivo.
A Ilustración
No século XVIII, coa chegada da Ilustración, denúnciase a marxinalidade cultural e lingüística que sofre Galicia e aparecen algúns ilustrados que procuran a dignificación do país, estudan a lingua e van asentando as bases que posibilitan a aparición do Rexurdimento no século XIX. As principais figuras da Ilustración son :
- O Padre Feixoo (1676-1764). Frei Benito Xerónimo Feixoo, nacido en Ourense, a pesar de non ter deixado ningunha obra en galego, foi un pioneiro na defensa da dignidade da lingua galega, negando a súa condición de dialecto do castelán e equiparándoo a outras linguas románicas.
- Frei Martín Sarmiento (1695-1772): Pedro José García Balboa, nacido en Vilafranca do Bierzo e criado en Pontevedra, Nas viaxes que realiza por Galiza toma contacto coa realidade do país e recompila abundante léxico recollido despois en obras como Catálogo de voces gallegas de diferentes vegelates ou Catálogo de voces vulgares. Pódese considerar o precursor da filoloxía galega, ademais atopamos nas súas obras unha argumentada defensa do uso do galego no ensino, na igrexa e na Administración. É autor en galego do Coloquio de 24 gallegos rústicos, 1200 coplas de estilo popular, froito da súa primeira viaxe por Galiza en 1745, que teñen por obxecto sobre todo compilar léxico e expresións propias da fala galega.
- Os irmáns Anselmo e Plácido Feixoo. Se o padre Xerónimo Feixoo non deixou ningún testemuño da súa creatividade en galego, os seus irmáns si. Anselmo Feixoo é autor dun poema en galego titulado “Llanto de la flota por una ninfa gallega” inspirada na batalla naval de Rande e Plácido deixou outro poema titulado “Glosa”.
- Diego Cernadas e Castro. O cura de Fruíme é un enérxico defensor da lingua galega. É autor de varias composicións líricas no noso idioma.
- O Padre Sobreira (1746-1805). O seu labor céntrase en recoller léxico e refráns e cantigas populares. É autor de Idea de un diccionario de la Lengua Gallega e Ensayo para la Historia General de Galicia.
- Xosé Cornide Saavedra (1734-1803). É un ilustrado que amosou interese pola lingua galega, recollendo no seu Catálogo de palabras gallegas coplas populares. É o autor do soneto “A Filida”.
- Francisca de Isla Losada (1734-1808). Desta autora só se conserva un romance humorístico dirixido ao cura de Fruíme, pois parece ser que pediu que queimasen os seus escritos tras a súa morte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario